Nesta edición da
Semana de Sta. Icía, o conxunto de asociacións participantes
decidiu por unanimidade homenaxear ó músico pontés
D. Antonio Ferreiro Cabarcos "Antolín".
Antonio Ferreiro é un dos músicos máis importantes que deu a vila das Pontes.
Naceu no ano 1927 no barrio do Campo da Feira e ós tres meses marchou a vivir ó lugar do Bidueiro.
Ó longo da súa vida formou parte de diferentes formacións e tocou en moitos países sempre con gran éxito.
A súa afección pola música comezou a unha idade moi temperá, aprendendo as primeiras notas musicais
de Xosé Freire Rodeiro. Con estas nocións e tras ver unha actuación da 'Banda de Cabreiros', Antonio comezou a sentir
inclinación por un instrumento en particular:
a trompeta.
Pouco tempo despois Eulogio Carballeira iniciouno no requinto, ampliando os seus estudos da man do cura de Ribadeo para, máis adiante,
comezar xunto a Rodrigo López a tocar o clarinete, o saxofón e a guitarra, instrumento este último que estudiou
máis amplamente ó longo da súa vida, aínda que foi o saxofón o instrumento que lle fixo colleitar éxitos
por medio mundo.
A súa primeira actuación foi ós 12 anos coa 'Banda de Puentes', unha banda de rapaces fundada por Rodrigo López, de
alí pasou a formar parte da 'Orquesta Puentes', para fundar, posteriormente a 'Orquesta Hispania' á que deixou temporalmente
para cumprir a súa obriga co servicio militar e que, unha vez rematado este, volveu a retomar.
En 1949 marchou a Vigo, onde adquiriu unha experiencia musical que marcou o seu destino formando parte de grupos coma a
'Orquesta Bahía', 'Radio', 'Pintos' e 'Hispania'. Nesta cidade casou con Amelia Vázquez e de seguido voltou a Coruña,
onde pasou a formar parte da 'Orquesta Estrella'.
O seu ánimo de superación, a súa capacidade de aprendizaxe e a súa curiosidade fixeron que, tra-lo seu
paso en 1954 polas orquestras 'Mallo' e 'Oriente', fundara a orquestra 'Los Diamantes', na que permaneceu dous anos.
No ano 1955 formou parte da orquestra 'Los Satélites' na que permaneceu oito anos e coincideu con Pucho Boedo. Con esta formación
e inaugurando o Liceo das Pontes, viviu unha situación que o levou a profundizar na música clásica e na historia da Música.
En 1963 formando parte da 'Orquesta Os Celtas', asentouse en AlemaƱa onde permaneceu durante 28 anos actuando en diversos eventos e países, sendo en Turquía
onde se realizou a primeira grabación da banda.
Ó seu regreso á cidade herculina propuxéronlle voltar á orquestra 'Os Mallos', refusou esa oferta, pois como
dicía un dos grandes maestros, ó que admira:
O arte de dirixir consiste en saber cando hai que abandonar a batuta para non
molestar á orquestra. (Herbert von Karajan).
Hoxe en día o seu legado musical segue presente na súa familia da man do seu fillo Xavier Ferreiro, músico recoñecido,
productor musical e actual membro do grupo de música folk 'Luar na Lubre' e por parte do seu fillo Xoán Antonio a través dos seus
fillos Verónica e Diego Ferreiro, cantante de jazz e cantautor respectivamente.
Actualmente Antonio Ferreiro vive na parroquia de Dorneda (Oleiros) e segue moi de preto a música actual, lembrando a actividade que foi
a súa paixón e que se convertiu na súa profesión: a Música.