Programa
<< Volver
12:30 a 13:15 horas
Museo Etnográfico Monte Caxado: Un proxecto didáctico dende a perspectiva etnográfica
Proxecto pedagóxico iniciado a proposta do mestre Xosé María López Ferro, no curso escolar 1985/1986 no colexio público Monte Caxado, que ten como obxectivo principal achegar os traballos artesanais, agrícolas e gandeiros aos escolares, unha vez que estas actividades van desaparecendo coa industrialización da vila das Pontes.
Nos seus inicios establécense uns obxectivos pedagógicos para os alumnos:
- Que coñezan os útiles, apeiros, ferramentas empregados polos nosos devanceiros e que os identifiquen polos seu nome
- Que amplíen o vocabulario
- Que valoren a riqueza artesanal dos mesmos, é decir, que se decaten que, a maioría, foron feitos pola mesma persoa que os precisaba, imprimíndolles a súa persoalidade
- Que amplien o contacto coa realidade do agro
- Que valoren a riqueza cultural galega en todas as súas manifestacións
- Que o museo sexa o lugar de consulta para traballos ou estudos de carácter etnográfico
Primeiramente mándanse cartas aos pais dos alumnos pedindo a súa colaboración no tocante ás doazóns das pezas. Os pais acollen con agrado este proxecto e comezan a chegar as pezas ao centro, que tamén recibe doazóns doutros veciños da vila e da comarca.
Unha vez as pezas chegan ao centro, o proceso a seguir é o seguinte:
- Identificación e catalogación das mesmas
- Inventariado có nome da peza, nome do doante e lugar de procedencia
- Limpeza da mesma
- Restauración, só se o precisa
- Vernizado e adecentamento
- Colocación da peza no lugar correspondente
- Carteliño identificado co nome, doante, lugar e utilidade
Na actualidade o museo etnográfico do colexio pontés conta con máis de 2.200 pezas distribuídas en varias seizóns polos corredores do centro. Na planta baixa: Oficios, labouras das mulleres, a cociña, a matanza, as chaves, as máquinas, a caza e a pesca, os xogos, a vella escola, … Na planta alta: A labranza, o gando, a vestimenta, os libros e documentos antigos, a relixión, obxectos da vida cotiá, … Cada peza é unha historia propia, pois quen a fixo imprimiulle o seu carácter persoal, de xeito que non hai dúas iguais. Percorrendo estas seizóns o visitante lembrará ou coñecerá nosa cultura, e aprenderá a amala e respectala.
Hoxe en día o museo, é ben coñecido entre a comunidade educativa do país, recibindo máis dun millar de visitantes ao ano, entre os que se atopan escolares doutros centros educativos, así como visitantes doutras localidades, do país ou estranxeiros coma os nosos irmáns franceses de Lesneven. Moitos destes visitantes teñen a posibilidade de deixar testemuña do seu paso polo museo no “Libro de sinaturas” que recolle opinións e sinaturas sobre o museo.
Ademais lévanse realizado outras actividades ligadas ao museo, a través da participación activa do alumno e a ampliación do campo da etnografía, na recollida de refráns, adeviñas, cantigas e, nos últimos anos, fotografías antigas. Éstas últimas constitúen na actualidade un fondo documental con máis de 1.200 vellas fotografías, que van dende os anos 1870 ate 1980, e que foron prestadas tanto polo alumnado e as súas familias, como por persoas alleas ao colexio. Cabe sinalar que os exemplares orixinais son devoltos aos seus donos logo de seren copiados. Xa no centro clasifícanse para as distintas seizóns, trece en total: A vila, A nosa xente, A emigración, O teatro, As vodas, O agro, A milicia, A industria, As festas, A escola, O deporte, Actos relixiosos e Os bailes. As fotografías introdúcense nos correspondentes albumes cos datos do doador, os nomes dos que aparecen na imaxe, o ano na que foi feita e o lugar. Finalmente almacénanse en vitrinas, pechadas por seguridade, pero dispoñíbeis para os visitantes do museo que así o soliciten.
Entre as actividades realizadas entorno ao museo cabe destacar a do curso 1986/1987, pola que os escolares do Monte Caxado obtiveron o 1º Premio no concurso escolar sobre "Apeiros de Labranza", convocado polo Museo Provincial de Pontevedra "García Alén".
Colabórase tamén na revista local das Festas do Carme. Ademais teñen sido expostas, temporalmente, pezas do museo fóra do colexio.
Asemade ao tratarse do único museo desta vila, dende o curso 1996/1997 o Concello das Pontes, xunto coa APA do Monte Caxado, asina un convenio que contempla a apertura ao público en xeral durante as fins de semana e festividades de carácter local: Feira do Grelo, Feira de fungos e cogomelos, ... No devandito convenio estipúlase a contratación dunha persoa que fará de guía nos horarios establecidos: Venres e sábados de 17 h. a 19 h., e domingos de 11 h. a 13 h. Calquera persoa interesada en visitar o museo pode facelo, previa cita, chamando aos teléfonos 981 450 086 e 658 046 898.