Programa
<< Volver
10:10 a 10:50 horas
André Pena Graña: Dentro da mámoa
Doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga pola Universidade de Santiago de Compostela, nace en Ferrol en 1955, graduándose en 1982 como Licenciado en Xeografía e Historia. Completa os seus cursos de Doutorado entre 1993-1995, recibindo a máxima calificación polo seu traballo de investigación "Un Matrimonio entre a Terra 'Treba' e a Deusa Nai 'Mater' no 2004. Desde 1987 traballa para o Concello de Narón como Arqueólogo, Historiador e Arquiveiro.
André Pena está especializado en investigacións sobre a cultura céltica do atlántico europeo e particularmente na pervivencia de trazos culturais da antiga Gallaecia no reino galego medieval e no folclore galego contemporáneo. O traballo de investigación que leva publicado desde 1995 sobre as trebas e a súa pervivencia como xenuina institución territorial galega é unha das aportacións máis importantes e influintes na historiografía galega actual.
Como arqueólogo ten estado a cargo da dirección e desenvolvemento de diferentes proxectos arqueolóxicos comarcais entre os que destacan o estudo e acondicionamento do conxunto arqueolóxico-etnográfico Monte do Seixo, ou o proxecto dos Camiños Milenarios dos Santos e Barcos de Pedra - Camiño de Santo André de Teixido. Parte da súa laboura catalogadora e divulgativa tense centrado no eido da arqueoloxía industrial, concretamente nos muiños de Xuvia, completada con estudos sobre as súas relacións comerciais marítimas coa Europa septentrional.
Entre as súas publicacións máis relevantes destacan Santa María Maior de O Val, Narón: Unha parroquia con celtas reminiscencias na Terra de Trasancos (ed. Fundación Terra de Trasancos, 2004) e Santo André de Teixido: O Camiño dos Celtas (ed. Equona, 2006). Seu é tamén o estudo As Trevas ou Populi da Gallaecia Celta: Notas sobre a organización institucional celta nos territorios políticos autónomos da Antiga Gallaecia, presentado no I Congreso Galego sobre Cultura Celta celebrado en Ferrol no ano 1997. Asemade no ano 2007 presentou no II Simposio de Estudos Humanísticos da Universidade da Coruña, o estudo Túmulos, mouros, ananos, xigantes, salvaxe caza: A etnografía galega vista como rexistro arqueolóxico non intervencionista.