xornadas mouras
xornadas mouras
Palestras
<< Volver
Sábado 14 - 11:00 horass

Xosé María López Ferro: Investigación etnográfica. Os reloxos de sol no concello das Pontes

Mestre e apaixoado da etnografía galega, estudou Maxisterio na Escola Normal da Coruña e tivo o seu primeiro destino no Cepo-Cumbraos, unha aldea de Sobrado dos Monxes, no ano 1976. Outros lugares nos que exerceu foron: O Ramo (Maniños), Barallobre (Fene), Mouriscos (A Fonsagrada), A Capela e As Pontes, onde exerceu como docente dende o ano 1983 até o 2015.

Foi neste centro pontés onde no curso 1984-1985 iniciou o proxecto do Museo Etnográfico. Como etnógrafo e investigador colaborou na revista das festas locais ao longo dos anos con diferentes artigos relacionados co patrimonio local (museo etnográfico, hórreos, reloxos de sol, cruceiros, expresións na fala…). Asemade ten publicado na revista CÁTEDRA de Pontedeume un artigo no seu número 10 titulado “Os reloxos de sol no concello de As Pontes de García Rodríguez”.

No ano 2011 recibiu o primeiro premio FERRO CAAVEIRO, do Museo Etnográfico da Capela, polo artigo “Os hórreos do concello de A Capela”.

No ano 2012 publicou dous artigos, un na revista EDUGA, da Xunta de Galicia, Nº 63 e, outro, en Cadernos do Ateneo Eumés, de Pontedeume.

Foi socio fundador da Asociación de Estudos Históricos e Sociais “HUME”, á fronte da que estivo como presidente. Nas revistas desta asociación tamén publicou diferentes artigos relacionados co patrimonio e a etnografía.

Na actualidade é Patrono-Presidente da Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, que ten por obxecto a creación dun museo etnográfico no casco vello da nosa vila.

<< Volver
xornadas mouras