Presentación
ROTEIRO CULTURAL: Camiño dos Arrieiros
Saida: 09'30 h diante do Museo Etnográfico Monte Caxado
Chegada: 19'00h
Inscrición: 5€ (para os gastos de autobús, a pagar o día do roteiro)
O Camiño dos Arrieiros ou Camiño Grande discorre ao longo duns 42 km., unindo As Pontes co porto de Vares. Este camiño tense empregado dende a Prehistoria como vía de intercambio comercial, constituíndo unha das rotas principais de comunicación entre os pobos do noroeste peninsular, das Illas Británicas e da península Armoricán. A vía recibe o nome dos chamados arrieiros, que durante séculos transportaron todo tipo de mercadorías ao lombo de mulas e cabalos.
Máis de 80 mámoas emprazadas nas serras da Faladoira e Coriscada, flanquean o camiño dende As Pontes a Vares. Estas construcións prehistóricas forman xunto coas pedrafitas e as cruces de pedra unha unidade patrimonial de especial interese, que fan do Camiño dos Arrieiros un dos activos culturais máis importantes do territorio.
Un itinerario no que desfrutar tamén da natureza, e dalgunhas especies protexidas como a Erica tetralix, presente en zonas enchoupadas ás que acoden a beber os centos de cabalos que viven en réxime de semiliberdade polas serras.
Nesta ocasión realizaremos o segundo e derradeiro treito duns 23,5 km., a través dos concellos de Mañón e Ortigueira.
Data límite de inscrición: 10 de maio.